Créditos e enlaces

Pablo Culebras
Autor do proxecto CodeX21
Image
Pablo Culebras naceu en Vigo, e licenciouse en Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense de Madrid. Entre 2006 e 2010 traballou en Milán na área do Deseño Gráfico, a animación e o desenvolvemento de ideas para series de animación, coa axencia italiana NextmediaLab. De volta a Galicia, logo de colaborar un tempo coa produtora Filmanova, comezou a desenvolver proxectos creativos para a divulgación do patrimonio galego. En 2014 produciu dúas Guías interactivas sobre a Fauna e Flora das Illas Atlánticas de Galicia. Entre 2016 e 2018 creou o proxecto Xaque a Jakobusland, o xadrez dos viquingos en Galicia, composto dun libro e un xogo. Dende 2017 colabora co grupo La10Planta na organización de eventos como os festivais Vive Nigrán, Solpor de Monteferro, Solpores do Museo e os foros Ourense ICC Week e Mo-Cidade; nos que é responsable do deseño gráfico, o material impreso e gran parte dos aspectos creativos. En 2019, dentro do foro da Ourense ICC Week organizou a conferencia O Xadrez de San Rosendo, un tesouro europeo; coa intención de divulgar esta xoia pouco coñecida do noso patrimonio.

A súa paixón foron dende sempre a Historia, a Natureza e o estudo da Mitoloxía. Dende o 2005 desenvolve un estudo sistemático das raíces mitolóxicas do folklore galego, combinando os enfoques de antropólogos internacionais como Joseph Campbell, Vladimir Propp, Maria Kvilhaug, Marija Gimbutas e Michael Witzel cos traballos de autores centrados no estudo do noso folclore, como Antonio Reigosa, Rafael Quintiá, Mar Llinares, Antonio Balboa, Alexandre Parafita e Buenaventura Aparicio, entre outros.

En 2015 publicou o relato A Caída de Oestrym, no volume 9 de Contos Estraños, da Editorial Urco, no que comezou a dar forma ao universo imaxinario de Terraloba.

No 2014/2015 obtivo o título de experto universitario en Xestión Cultural, e no ano 2019 obtivo o Máster en formación de profesores, que cobren aspectos clave deste proxecto.

CodeX21 é un proxecto financiado nun 50% polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia

Todas as fotos e ilustracións empregadas nesta web son de dominio público, creación propia ou ben foron empregadas con permiso do propietario/a dos dereitos ou baixo licencia creative commons. Nestes casos, o nome do autor indícase xunto a propia imaxe.

CodeX21 quere expresar un especial agradecemento ao claustro do CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón, polo seu interese e participación no proxecto, especialmente ao grupo de 3º da ESO e á profesora Nieves  Domínguez del Río, polo seu traballo de investigación con respecto á etapa XIII da Ruta da Prata e ao Pico Sacro; e ao director do centro, José Manuel Silva Rodríguez, pola súa dispoñibilidade e as facilidades postas para involucrar ao instituto nas actividades.

Moitas grazas tamén a Noel Feans polas súas preciosas fotografías e por compartilas baixo licencia C.C, e a Codex Calixtinus Facsimil pola súa xenerosidade ao dar permiso para usar as súas imaxes.

Na elaboración dos textos sobre o Códice Calixtino tense recurrido especialmente a información contida en Xacopedia que constitúe un excelente recurso para o coñecemento sobre a tradición xacobea.