A filosofía deste proxecto parte da idea de que a posta en valor dos bens patrimoniais e a atracción dun turismo que aprecie os espazos naturais e a cultura pode permitir unha activación económica sustentable do medio rural que incremente o valor percibido da propia contorna ecolóxica e cultural por parte da poboación local. Este modelo, baseado en experiencias vivenciais e o coñecemento, converte os recursos naturais en activos que non é necesario extraer do territorio para obter un rendemento económico.
O proxecto enfócase en dúas áreas principais: por unha banda, a colaboración con centros de ensino para a realización dunha serie de actividades inspiradas no Códice Calixtino, entre elas, o trazado de roteiros que conecten distintos elementos destacados do patrimonio. Por outra, o impulso destes roteiros a nivel turístico en colaboración cos Concellos, guías turísticos e empresas locais. Deste xeito, unha ampla representación da poboación de cada bisbarra, desde o alumnado ata os axentes económicos e institucionais, poderán implicarse na conservación e promoción da súa propia contorna.
Unha liña de traballo clave de CodeX21 é a colaboración con distintos centros de ensino das “Terras da Raíña Lupa” (denominadas aquí Terraloba) para a realización dunha serie de actividades inspiradas nas lendas galegas e no Códice Calixtino. Estas actividades van dirixidas ao alumnado de Primaria e/ou da ESO, e están concibidas para ser empregadas tanto de xeito transversal, por un equipo de docentes, ou de xeito illado nunha determinada materia. O profesorado poderá seleccionar algúns dos traballos feitos nas aulas para que sexan amosados nesta web, que tamén recollerá enlaces aos blogs propios dos centros. As actividades inclúen a creación de rutas de sendeirismo entre distintos puntos de interese, que serán postas a disposición dos visitantes que se acheguen a esta rexión.
Segunda parte do Libro de Terraloba. O máis poderoso emperador de Europa logrou estender o seu dominio desde o río Ebro ata o Oder, abranguendo un territorio que co que quixo resucitar o Antigo Imperio dos Césares. Xa é lenda, e as súas glorias cántanse nos suntuosos banquetes do palacio de Aquisgrán. Pero o home tras o mito é xa un ancián, que na soidade das súas estancias intúe que aínda queda unha misión para manter unido todo aquilo que conseguiu unificar. En soños ten unha visión que lle marca un camiño na Vía Láctea, ata o enigmático Campo das Estrelas, nos confíns da Gallaecia, onde o pobo máxico dos mouros conserva un antigo segredo.
Nesta historia, que se corresponde coa primeira parte co Libro de Terraloba, cóntase a viaxe por Terraloba de dous estranxeiros chegados dun país un afastado para dar sepultura aos restos do seu mestre. Atópanse cunha terra escura e hostil, dominada pola sinistra Raíña Lupa e o seu exército de lobos, en cuxas fontes, ríos, lagoas e fragas latexa aínda unha misteriosa maxia que terán que ser capaces de poñer ao seu favor para cumprir a súa misión.
Trátase dunha novela xuvenil de temática fantástica inspirada nos libros III e IV do códice, correspondentes coas lendas da traslatio e da viaxe a Compostela por parte de Carlomagno, pero na que se dá protagonismo ao territorio máxico da antiga Gallaecia e aos seus personaxes míticos, en correspondencia co universo de Terraloba.
O Xacobeo de 2021 é o máis próximo a unha tripla efeméride: cúmprense aproximadamente 900 anos do inicio dos traballos no Códice Calixtino, 899 dende o primeiro Ano Santo e 901 desde a elevación de Compostela a sé metropolitana. Ademais, hai un interesante paralelismo entre aquel tempo e o presente: se en tempos de Xelmírez o Camiño de Santiago adquiriu unha nova dimensión, probablemente iniciada co ascenso do catoirense ao cargo de administrador da diócese en 1093, no ano 1993 o Xacobeo proxectouse alén do feito relixioso para se transformar nun fenómeno cultural a nivel internacional. Do mesmo xeito que a celebración do primeiro Ano Xubilar en 1122 lle conferiu unha maior transcendencia ás peregrinacións a Santiago; para o 2021 a Xunta decidiu afondar na nova significación do Xacobeo para achegalo á sociedade do século XXI.
Do mesmo xeito en que o Códice Calixtino se baseaba na figura do Apóstolo Santiago e os Camiños de peregrinación a Compostela, no marco da tradición cristiá, CodeX21 se constrúe ao redor da Raíña Lupa e o folclore galego, e se centra nun espazo real e á vez ficticio denominado Terraloba, que se correspondería cos dominios desta mítica soberana. Nesta expansión do Xacobeo, substitúese a relixión pola maxia, a penitencia pola experiencia de goce da contorna e a fé pola imaxinación. O mundo de Terraloba fundaméntase en antigos mitos sobre o ciclo solar, en particular os que narran a viaxe do sol polo inframundo tras o ocaso. Por todo iso, CodeX21 pode entenderse como a “cara B” do vello códice, e Terraloba como o complemento máxico do Xacobeo.
A labor de divulgación irá dirixida en primer lugar ao alumnado e profesorado dos centros de ensino e á poboación da área aquí chamada Terraloba. A medio prazo, o obxectivo e crear materiais divulgativos para os visitantes da zona.