Libro IV do Códice Calixtino

O obxectivo desta cuarta parte do manuscrito é conectar o culto a Santiago co corazón de Europa. Para iso convértese á figura máis importante da Idade Media de Occidente, o mismísimo Carlomagno, no responsable da apertura do camiño ata a tumba do Apóstolo a través das terras controladas polos musulmáns. Cóntase que Santiago apareceuse en soños ao emperador carolinxio e solicitou a súa axuda para liberar o seu sepulcro, indicando que o roteiro que debía seguir estaba marcado pola Vía Láctea.

Share
Libro III do Códice Calixtino

O obxectivo deste texto era explicar a presenza dos restos de Santiago en Galicia, tendo en conta que a tradición establecía que fora decapitado en Palestina. A narración da traslatio baséase en brevísimas notas anteriores que situaban o sepulcro no occidente peninsular, e a partir de aquí elabora unha explicación de como se produciu o enterramento en Compostela.

Share
Libro II do Códice Calixtino

Este segundo libro do códice é unha ferramenta para dar a coñecer no mundo cristián a importancia do Apóstolo e as súas obras, e proxectar a idea de que estas teñen alcance universal e poden alcanzar a calquera en calquera parte. Con iso téntase non só potenciar a figura de Santiago, senón tamén transmitir unha sensación de seguridade aos peregrinos e animalos a lanzarse a un camiño longo e perigoso. O Apóstolo preséntase deste xeito como o protector dos peregrinos.

Share
Libro I do Códice Calixtino

O Libro I do Códice Calixtino está composto por un conxunto de textos litúrxicos para os oficios relixiosos en honra do Apóstolo. Inclúe misas, rezos, sermóns, homilías, beizóns, cantos, danzas, etc. Estas pezas posúen un gran valor argumental e son reflexo do enorme dinamismo e riqueza que acadaron as celebracións litúrxicas compostelás, especialmente a de Santiago o Maior e as realizadas para conmemorar a Traslatio. O historiador Manuel C. Díaz e Díaz sostén que os textos foron creados para normativizar un culto que xa alcanzara unha dimensión europea e precisaba da adecuada solemnidade.

Share
Carta do Papa Calixto II

Os dous primeiros folios do códice conteñen unha suposta carta do Papa Calixto II dirixida á Asemblea da Basílica de Cluny, ao patriarca de Xerusalén e a Diego Xelmírez, flamante arcebispo de Santiago. Nela, o presunto Pontífice explica como documentou as milagres de Santiago, que serían a base do texto, "percorrendo as crueis terras e provincias durante 14 anos”. Tamén conta como o libro sobreviviría todos os perigos posibles, como incendios e inundacións.

Share
O Códice Calixtino

O Códice Calixtino destaca pola súa ambición: difundir a importancia de Santiago e o Apóstolo a escala universal. Os distintos camiños que levan ao santuario desde todos os recunchos de Europa convértense deste xeito en vectores do poder do Apóstolo, capaz de obrar as súas milagres en calquera lugar do orbe. Sorprende a enorme ambición do proxecto e a visión xeopolítica que encerra, tendo en conta a súa época. A brillantez do Códice e do seu impulsor, o arcebispo Xelmírez, foi darlle unha transcendencia política a unha tradición relixiosa existente desde había tres séculos, convertela nun relato e fixala por escrito.

Share
O IX Centenario do Inicio do Códice Calixtino e o curioso paralelismo co Xacobeo 2021

O Xacobeo de 2021 é o máis próximo a unha tripla efeméride: cúmprense aproximadamente 900 anos do inicio dos traballos no Códice Calixtino, 899 dende o primeiro Ano Santo e 901 desde a elevación de Compostela a sé metropolitana. Ademais, hai un interesante paralelismo entre aquel tempo e o presente: se en tempos de Xelmírez o Camiño de Santiago adquiriu unha nova dimensión, probablemente iniciada co ascenso do catoirense ao cargo de administrador da diócese en 1093, no ano 1993 o Xacobeo proxectouse alén do feito relixioso para se transformar nun fenómeno cultural a nivel internacional. Do mesmo xeito que a celebración do primeiro Ano Xubilar en 1122 lle conferiu unha maior transcendencia ás peregrinacións a Santiago; para o 2021 a Xunta decidiu afondar na nova significación do Xacobeo para achegalo á sociedade do século XXI.

Share
Ultreia

CodeX21 está pensado para sentar as bases do que podería ser, nun segundo momento, un conxunto de roteiros temáticos para turistas e peregrinos, que chegados a Santiago poderían así atopar novas actividades pola zona.

Share
Que é Terraloba

Do mesmo xeito en que o Códice Calixtino se baseaba na figura do Apóstolo Santiago e os Camiños de peregrinación a Compostela, no marco da tradición cristiá, CodeX21 se constrúe ao redor da Raíña Lupa e o folclore galego, e se centra nun espazo real e á vez ficticio denominado Terraloba, que se correspondería cos dominios desta mítica soberana. Nesta expansión do Xacobeo, substitúese a relixión pola maxia, a penitencia pola experiencia de goce da contorna e a fé pola imaxinación. O mundo de Terraloba fundaméntase en antigos mitos sobre o ciclo solar, en particular os que narran a viaxe do sol polo inframundo tras o ocaso. Por todo iso, CodeX21 pode entenderse como a “cara  B” do vello códice, e Terraloba como o complemento máxico do Xacobeo.

Share
Un proxecto de divulgación

A labor de divulgación irá dirixida en primer lugar ao alumnado e profesorado dos centros de ensino e á poboación da área aquí chamada Terraloba. A medio prazo, o obxectivo e crear materiais divulgativos para os visitantes da zona.

Share