Unha liña de traballo clave de CodeX21 é a colaboración con distintos centros de ensino das “Terras da Raíña Lupa” (denominadas aquí Terraloba) para a realización dunha serie de actividades inspiradas nas lendas galegas e no Códice Calixtino. Estas actividades van dirixidas ao alumnado de Primaria e/ou da ESO, e están concibidas para ser empregadas tanto de xeito transversal, por un equipo de docentes, ou de xeito illado nunha determinada materia. O profesorado poderá seleccionar algúns dos traballos feitos nas aulas para que sexan amosados nesta web, que tamén recollerá enlaces aos blogs propios dos centros. As actividades inclúen a creación de rutas de sendeirismo entre distintos puntos de interese, que serán postas a disposición dos visitantes que se acheguen a esta rexión.
Segunda parte do Libro de Terraloba. O máis poderoso emperador de Europa logrou estender o seu dominio desde o río Ebro ata o Oder, abranguendo un territorio que co que quixo resucitar o Antigo Imperio dos Césares. Xa é lenda, e as súas glorias cántanse nos suntuosos banquetes do palacio de Aquisgrán. Pero o home tras o mito é xa un ancián, que na soidade das súas estancias intúe que aínda queda unha misión para manter unido todo aquilo que conseguiu unificar. En soños ten unha visión que lle marca un camiño na Vía Láctea, ata o enigmático Campo das Estrelas, nos confíns da Gallaecia, onde o pobo máxico dos mouros conserva un antigo segredo.
Nesta historia, que se corresponde coa primeira parte co Libro de Terraloba, cóntase a viaxe por Terraloba de dous estranxeiros chegados dun país un afastado para dar sepultura aos restos do seu mestre. Atópanse cunha terra escura e hostil, dominada pola sinistra Raíña Lupa e o seu exército de lobos, en cuxas fontes, ríos, lagoas e fragas latexa aínda unha misteriosa maxia que terán que ser capaces de poñer ao seu favor para cumprir a súa misión.
Trátase dunha novela xuvenil de temática fantástica inspirada nos libros III e IV do códice, correspondentes coas lendas da traslatio e da viaxe a Compostela por parte de Carlomagno, pero na que se dá protagonismo ao territorio máxico da antiga Gallaecia e aos seus personaxes míticos, en correspondencia co universo de Terraloba.
Os apéndices do Códice Calixtino engaden algunha milagre de Santiago non recollida no Libro I e unha xustificación da elaboración do conxunto da obra e da súa orixinalidade. Pero sobre todo, é aquí onde brilla un dos grandes tesouros do códice: a música polifónica. Como sinala o historiador alemán Klaus Herbers, esta obra contén pezas “tanto de canto gregoriano como de composicións polifónicas, que lle aseguran un posto privilexiado entre os repertorios máis interesantes para a evolución da polifonía medieval”.
As Polyphones de CodeX21 inspíranse nas polifonías do Apéndice do Códice Calixtino, consideradas as primeiras obras de Ars Antiqua de calidade da historia de Europa. Neste caso, as polyphones correspóndense con interpretacións musicais cantadas, interpretadas con instrumentos, bailadas, etc, gravadas con teléfonos móbiles en actividades realizada polos centros educativos das terras da Raíña Lupa ou por calquera outra persoa interesada en compartir as súas creacións.
Esta actividade, que se basea na similitude entre os conceptos de “viaxe” e “relato”, consiste no trazado de roteiros de sendeirismo que conecten distintos elementos de interese natural e cultural da área de Terraloba de modo que poidan “lerse” camiñando. As rutas serán posteriormente marcadas sobre un mapa interactivo, con fichas explicativas dos distintos puntos de interese. Deste xeito, Sendas e Lendas constitúe a translación de elementos patrimoniais do mundo físico ao dixital, do acervo local ao universo cibernético global.
Nesta actividade cámbiase o concepto de “milagres” atribuídas ao Apóstolo pola idea de logro persoal ou colectivo, e convídase a reflexionar sobre figuras que poden ser un exemplo de superación, perseveranza ou resistencia ante situacións adversas.
Esta actividade consiste na creación de contidos por parte dos centros educativos de Terraloba ou por persoas de calquera procedencia, nos que os salmos e composicións líricas e musicais en honra ao Apóstolo recompiladas no Libro I do Códice Calixtino se substitúen por pezas multimedia inspiradas no Camiño de Santiago ou no concepto “camiño vital”.
Este texto foi unha peza crave para o renacer do Camiño de Santiago no século XX, cando se tomou como documento básico para fixar o trazado do Camiño Francés, descrito con sorprendente precisión nestas páxinas. O contido complementa os detalles incluídos no sermón Veneranda Dies do Libro I, e recolle unha serie de consellos prácticos para os peregrinos e opinións das xentes que habitan as comarcas que cruza esta ruta, retratadas nalgúns casos de xeito bastante negativo e difamatorio. Tamén define as etapas da viaxe, os lugares onde descansar, a calidade das augas e alimentos das distintas rexións e as reliquias para visitar nas localidades que cruza o Camiño. Termina cunha detallada descrición da Catedral de Santiago.