O propósito destas actividades é poñer en contacto directo ao alumnado dos colexios e institutos de Terraloba co patrimonio (natural, histórico/arqueolóxico, lendario, toponímico, etc) da zona correspondente a cada centro, axudalos a comprender o seu valor e as relacións que se poden establecer entre os distintos elementos, dende un enfoque multidisciplinar que permita un coñecemento integral da paisaxe circundante. Ao mesmo tempo, as actividades permitirán vehicular varios contidos incluídos na programación didáctica.
Materias e cursos
Nestas actividades poden participar docentes e grupos de calquera curso de Educación Primaria ou Secundaria, aínda que están especialmente pensadas para os cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria e de 1º, 2º e 3º da ESO. Entre as materias que poderían estar máis directamente involucradas están as de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Inglés, Francés, Portugués, Latín, Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía, Educación Artística, Educación Plástica Visual e Audiovisual, Música, Tecnoloxía, Educación Física e Titoría.
Adaptabilidade das actividades e asistencia na súa concreción
A implementación da unidade didáctica en todos os seus aspectos quedaría ao criterio de cada instituto ou escola, de xeito que podería ser libremente adaptada á programación de centro e/ou de aula. Os centros tamén poderán suxerir as súas propias iniciativas, que serán incluídas no proxecto sempre e cando teñan relación con algún ben senlleiro da contorna ou estean inspiradas no Códice Calixtino ou nas lendas e relatos galegos de tradición oral.
Para a realización das actividades, tanto as aquí sinaladas como as iniciativas propias que puidesen ter os centros, dende CodeX21 facilitarase ao profesorado un conxunto de materiais relacionados coas lendas, lugares de interese histórico ou natural e posibilidades de adaptación ás distintas materias. Se fose preciso, enviaríanse fichas de exercicios e módulos listos para ser empregados na aula.
Asistencia na creación de plataformas TIC del aula / centro
No caso de non dispoñer de blog ou canle de Youtube no centro, dende CodeX21 ofrecerase asistencia para a creación destas plataformas dixitais.
Publicación dos traballos
Unha vez realizada a actividade, os estudantes poderán publicar as súas creacións no blog ou canle de Youtube do centro, e os docentes poderían elixir algunhas delas para ser publicadas nesta web.