Libro de Terraloba

Libro de Terraloba

Trátase dunha novela xuvenil de temática fantástica inspirada nos libros III e IV do códice, correspondentes coas lendas da traslatio e da viaxe a Compostela por parte de Carlomagno, pero na que se dá protagonismo ao territorio máxico da antiga Gallaecia e aos seus personaxes míticos, en correspondencia co universo de Terraloba.

A ambientación está adaptada ao público contemporáneo, non necesariamente católico, polo que se substitúe o elemento relixioso polo conxunto de mitos que este encobre, recorrendo ao que chegou ata nós a través do folclore galego. De xeito análogo, o tema da loita contra o Islam substitúese pola pugna cos mouros, pobo máxico do folclore galego que pouco ten que ver cos musulmáns, e si en cambio coa Raíña Lupa. Xunto a eles, por todo o territorio da mítica soberana, aparecen personaxes do imaxinario galego como o Príncipe Ulla, a Princesiña do Sar, os trasnos piratas de Arousa, a serea de Fisterra, as xentes da  cidade asolagada de Duio, o dragón do Pico Sacro, os bois máxicos… e seres míticos de todos os recunchos de Europa que como un enxame de luces brillantes realizan a súa particular peregrinación a Compostela sobre un transfondo de referencias a episodios históricos, elementos do noso patrimonio e escenarios do país de Terraloba.

O libro, escrito en galego, está dividido en dúas partes: A traslatio e A Crónica de Turpín. Ademais, inclúe unha sección de Apéndices ao final onde se afonda nos personaxes e escenarios do mundo de Terraloba.

A novela está actualmente en proceso de produción.

 

Foto: Noel Feans Empregada con licencia CC BY 2.0
Comments
Share
Pablo Culebras

Leave a reply