Esta actividade baséase no Libro II do Códice Calixtino, que recolle unha colección de milagres atribuídos ao Apóstolo cos que este tería salvado a xente necesitada das situacións máis penosas, ou lles tería axudado a conseguir obxectivos alén das súas capacidades. En CodeX21 cámbiase a idea relixiosa da milagre polo concepto de “logro” persoal ou colectivo, para concienciar sobre os valores do esforzo, a responsabilidade, a constancia e a superación por parte dunha persoa ou grupo. Non se trata neste caso de feitos sobrenaturais, senón das pequenas ou grandes vitorias da xente común, entendendo como vitoria a superación persoal constante, a propia capacidade de perseverar, resistir as dificultades ou simplemente chegar a aceptarse. Deste xeito, o obxectivo é recompilar historias onde os/as protagonistas conseguen chegar máis aló das súas expectativas ou aprenden das súas derrotas e continúan adiante, coa mensaxe de que o que conta non son tanto as calidades que se posúen ou as dificultades que afrontan, senón o modo en que se actúa a partir de tales circunstancias.
O nome da actividade Xestas do Camiño xoga co dobre sentido da palabra galega xesta: tanto no seu valor de fazaña como no seu significado de matogueira que crece de forma brava nos montes e dificulta ás veces o avance polos carreiros forestais.
Como en todos os demais casos, deben enviarse os traballos en soporte dixital a scriptorium@codex21. gal
I. Adaptación para centros educativos
Esta actividade encádrase nos obxectivos educativos máis directamente relacionados coa Educación en Valores, así como o cultivo da motivación persoal, que son dous dos alicerces da Lei Educativa vixente.
O profesor ou profesora propoñerá ao seu alumnado a creación de composicións escritas acerca de experiencias propias ou alleas (de persoas da súa contorna, de xente famosa, relatos contados polas súas familias, etc) que poidan exemplificar o tema exposto. Os docentes guiarán a actividade e orientarán aos estudantes na elección dos feitos que consideren significativos, axudándolles a reflexionar sobre eles. Poñerase especial atención aos relatos protagonizados por persoas de colectivos vulnerables ou afectados por unha discapacidade, enfermidade, etc. Deste xeito, levaranse á práctica técnicas educativas como a “aprendizaxe vicaria” ou por modelos, comúns na pedagoxía contemporánea.
Unha vez realizados os traballos, poderá enviarse unha seleccion dos mesmos a scriptorium@codex21.gal. Para máis información ver sección Participa.
Materias nas que se podería empregar
Lingua Galega e Literatura (expresión oral e escrita e inspiración en personaxes literarios), Inglés, Francés e Portugués (redacción de textos ou expresión oral), Tecnoloxía / Programación (creación e publicación do material por medios dixitais) e Valores Éticos / Culturais e Cívicos e Titoría (reflexión sobre valores e modelos de conduta, quen consideramos que sexan heroes e por que), Ciencias Sociais / Xeografía e Historia (personalidades ou colectivos históricos que se consideren autores de “xestas”)…
II. Adaptación á poboación xeral
Esta actividade está aberta ás creacións feitas por persoas particulares que desexen contribuír á galería de proxectos da sección “Libro II” do códice.
