Libro II do Códice Calixtino

Libro II do Códice Calixtino

Este segundo libro do códice é unha ferramenta para dar a coñecer no mundo cristián a importancia do Apóstolo e as súas obras, e proxectar a idea de que estas teñen alcance universal e poden alcanzar a calquera en calquera parte. Con iso téntase non só potenciar a figura de Santiago, senón tamén transmitir unha sensación de seguridade aos peregrinos e animalos a lanzarse a un camiño longo e perigoso. O Apóstolo preséntase deste xeito como o protector dos peregrinos.

Con apenas 16 folios, o Libro II é o segundo máis breve de toda a compilación. Iníciase cun pequeno prólogo, supostamente escrito polo Papa Calixto II, no que se conta que os milagres foron recollidos por Anselmo de Canterbury, Beda o Venerable, o mestre  Huberto e o propio Calixto II.

A continuación, descríbense os vinte e dous feitos milagrosos atribuídos a Santiago, dos que se di que aconteceron entre o ano 1100 e 1110, salvo un, que se sitúa no 1135. Trátase de feitos cunha clara vocación universal, pois se localizan en distintos lugares do mundo, moitos deles en distintos puntos do Camiño de Santiago.

Algúns destes relatos alcanzaron unha gran difusión e axudaron a afianzar a peregrinación. Entre estes destaca o titulado Do peregrino colgado a quen o santo Apóstolo salvou da morte, que se converteu no milagre xacobeo máis difundido e representado ao longo da historia e do que se coñecen varias versións, como o Milagre do Galo e a Galiña de Santo Domingo da Calzada. A versión incluída no capítulo V do Códice di que un peregrino alemán foi aforcado inxustamente na cidade de Toulouse, pero despois de trinta e seis anos resucitou tras volver o seu pai de Compostela.

 

Comments
Share

Leave a reply