CodeX21 proponse ofrecer experiencias e contidos complementarios á peregrinaxe a Compostela baixo a marca Terraloba.
Trátase de crear un relato que funcione como unha expansión da peregrinaxe a Santiago, na que se mestura o tramo final (o máis “pagán”: o roteiro ao finis terrae) coa definición dunha terra alén Compostela: o País da Raíña Lupa. Desde o punto de vista da narrativa xacobea, trataríase da “precuela” do camiño de Santiago.
Despois de Santiago. Antes do Camiño
Terraloba sitúase á vez antes e despois do Camiño de Santiago. Antes nun sentido cronolóxico, porque ten que ver cos temas que deron orixe a esta tradición. E despois nun sentido xeográfico, por canto se corresponde cun territorio situado na seu maior parte ao Oeste de Compostela.
A través da definición desta área, CodeX21 trata de ampliar a vivencia do Camiño e, ao mesmo tempo, ofrecer alternativas aos peregrinos que chegan a Santiago, que deste xeito poderán prolongar a súa experiencia nun conxunto de actividades temáticas que se aventuran máis aló das “marxes do camiño”, para entrar directamente no campo do patrimonio e o folclore. Nese sentido, pode dicirse que CodeX21 é a resposta ao berro “ ultreia!”dos peregrinos, e propón roteiros máis aló do roteiro oficial para conducir aos visitantes ás raíces do mito, firmemente ancoradas na terra galega.
Ademais, Terraloba funcionará como ponte narrativa para conectar dúas áreas cunha grande oferta turística: o Camiño de Santiago e o turismo que acode ás localidades costeiras das Rías Baixas. Deste xeito, se favorecerá a desconxestión destes polos de atracción e unha dispersión capilar dos beneficios que deixan os visitantes por unha área maior. Moitas actividades ofreceranse tamén en tempada baixa, contribuíndo a unha desestacionalización do turismo na zona.
Nos produtos e servizos da marca Terraloba tratarase de involucrar a iniciativas desenvoltas por particulares e empresas da rexión, especialmente na área das industrias culturais. Isto permitirá unha diversificación da oferta en torno ao xacobeo e contribuirá a intensificar a vivencia deste fenómeno nun sentido amplo, facendo partícipes aos habitantes desta bisbarras, que xa coñecen o final do Camiño de Santiago, pero que talvez non saben o que as súas raíces poden contar da súa propia terra.
