O proxecto CodeX21

O proxecto CodeX21

CodeX21 é unha versión contemporánea do Códice Calixtino que pon o foco nas raíces lendarias do Camiño e na figura da Raíña Lupa. Este proxecto cambia os scriptoria medievais polos centros educativos, as follas de  vitela polas páxinas web e as composicións polifónicas, os salmos e os poemas recollidos polos monxes medievais por creacións artísticas multimedia desenvoltas pola poboación galega, cunha especial participación dos centros educativos. O obxectivo é conectar coa mesma substancia, en gran medida popular e pre-cristiá, que inspirou as tradicións recollidas no Códice, dándolles un sentido -unha codificación- contemporánea, é dicir, aglutinándoas nunha unidade coherente, un “canon” de lendas que faga partícipes ás novas xeracións do patrimonio xacobeo máis aló do feito relixioso.

Se o Códice Calixtino trataba de converter Compostela nun dos principais focos espirituais de Occidente (ata o punto de que é considerado por algúns expertos o primeiro “documento publicitario” para promover as viaxes a unha localidade); neste caso trátase de converter un amplo territorio situado entre Muxía, Santiago, o Pico Sacro e a Praia da Lanzada nun espazo “máxico”, un país de lenda que, ao contrario que outros moitos que aparecen no cinema e a TV (desde a Terra Media de Tolkien aos Sete Reinos de George  R. R. Martin) se corresponde cun territorio real que pode visitarse. Esta rexión recibe no proxecto o nome de Terraloba.

Alí onde o códice medieval trataba de crear un relato oficial ao redor da figura do Apóstolo Santiago e os seus milagres en base a un conxunto dispar de materiais do cristianismo antigo, CodeX21 céntrase en construír un marco narrativo ao redor da Raíña Lupa e o seu mundo máxico, tomando como base as lendas, episodios históricos e paisaxe natural das comarcas asociadas a ela. Neste sentido, pode entenderse CodeX21 como unha Cara B do Códice Calixtino, centrada nos elementos do transfondo e na figura da “antagonista”, Lupa.

Foto: Noel Feans – Empregada con licencia CC BY 2.0

Se a obra patrocinada por Xelmírez recollía unha multiplicidade de obras de distinto tipo – partituras musicais, pezas literarias, ilustracións… – elaboradas por autores de distintos lugares de Europa, este proxecto albergará creacións artísticas e literarias achegadas polos habitantes de Terraloba, ben como contribucións feitas por libre ou ben a través da colaboración con colexios e institutos.

Se, en definitiva, o manuscrito conservado na catedral de Santiago era parte dun proxecto maior, para afirmar a importancia da sede Compostelá a escala Europea e ampliar o impacto das peregrinacións a Santiago, este proxecto nace para contribuír á transformación do Xacobeo nun fenómeno cultural que vaia alén do ámbito relixioso e se convirta nun conxunto de camiños para conectar á xente de calquera procedencia, e especialmente á poboación galega, co patrimonio milenario e a paisaxe natural desta terra.

Comments
Share

Leave a reply