Baixo estas liñas adxúntase un traballo realizado polo alumnado de 3º da ESO do instituto Antonio Orza Couto, de Boqueixón, baixo a direción da súa profesora de Xeografía e Historia, Nieves Domínguez del Río. O seu traballo é moi interesante por canto mestura unha indagación documental sobre o Libro V do Códice Calixtino, a Guía do Peregrino, coa exploración do territorio que rodea o seu centro educativo, situado precisamente no concello de Boqueixón, ao pé do Pico Sacro.
O resultado é unha mostra do espírito do proxecto CodeX21: voltar a mirada á historia e facela presente, e partir do presente para identificar o xeito en que unha paisaxe física foi conformando ao longo do tempo unhas condicións de vida e unha cultura que se manifesta en múltiples estratos: dende o máis intanxible, como a toponimia e a tradición oral, ata a materialidade das obras arquitectónicas ou o propio trazado dos camiños. Esta invitación a coñecer o próximo para comprender o afastado, de preguntarse pola orixe real ou mítica dos elementos que conforman a nosa cultura e buscar as súas raíces na paisaxe que podemos ver polas fiestras das aulas, é o celme de CodeX21, e por tanto, quero facer un agradecemento moi especial aos alumnos e alumnas deste grupo e á súa profesora.
Tamén quero agradecer o seu interese a outros profesores e profesoras do mesmo centro, que estaban preparando actividades pero, por mor da irrupción da pandemia de COVID non puideron levalas a término, e de xeito especial ao director do centro, José Manuel Silva Rodríguez, por promover a participación do instituto no proxecto e organizar a reunión preparatoria.