Sendas e Lendas é o equivalente ao Libro V do Códice Calixtino, titulado Guía do peregrino, no que se describe por primeira vez o Camiño Francés e se inclúe unha relación dos lugares e as xentes que se vai atopando o viaxeiro, así como recomendacións prácticas. En CodeX21 trátase de crear itinerarios que permitan aos visitantes acceder a distintos puntos de interese natural ou paisaxístico (árbores senlleiras, lagoas, miradoiros, formacións rochosas, zonas de especial interese ambiental), arqueolóxico (petróglifos, mámoas, castros…), arquitectónico (pontes, castelos, pazos, edificacións tradicionais, igrexas de interese artístico), histórico (lugares que fosen escenario de episodios históricos), ou lendario (espazos vinculados a relatos de tradición oral ou de lendas cultas) a través do país de Terraloba.
Esta actividade parte da concepción do mapa de Galicia como unha gran narración non lineal, callada de historias, contos e fragmentos de memoria de distintas épocas, entre os que se poden establecer múltiples relacións. Estes relatos, implícitos no territorio, poderíanse “ler camiñando”, de modo que cada roteiro de sendeirismo constituiría un modo de contar a paisaxe e, sobre todo, de vivilo en primeira persoa.
Para a definición dos percorridos pódese partir de tramos do Camiño de Santiago e dos roteiros establecidos pola Axencia de Turismo de Galicia. Tamén se pode solicitar información de posibles elementos de interese dunha determinada zona de Terraloba a través da sección de contacto desta web.
Dado o carácter eminentemente rural dos concellos desta área, os percorridos serán fundamentalmente polo monte ou por zonas rústicas, aínda que poderán ter tramos en contornas urbanas ou semi-urbanas.
Entre os lugares a destacar poderían incluírse establecementos que se considerasen interesantes ou representativos da actividade socioeconómica local, tales como obradoiros de artesanía, explotacións de agricultura biolóxica, bateas, etc; dando prioridade a aqueles que permitan a visita de turistas.
Unha vez creadas as rutas, pódese enviar a súa descrición a scriptorium@codex21.gal a través dun sinxelo mapa de Google Maps, Wikilocs ou en forma de arquivo de .kml ou .kmz de Google Earth. En caso de dúbida sobre os formatos, ou de dificultades para deseñar o mapa dixital, prégase contactar con CodeX21.
Publicación dos roteiros
Os roteiros incorporaranse á web codex21.gal, onde aparecerán nun mapa interactivo do territorio de Terraloba, coa información organizada por capas.
I. Adaptación para centros educativos
Neste caso trátase de que sexan os alumnos dos centros os que conten a viaxe de descubrimento da súa comarca tal e como llo explicarían a posibles visitantes, e deste xeito, aprendan a recoñecer os bens patrimoniais e comprender o seu valor; ademais de exercitarse no manexo de ferramentas TIC para a creación de mapas interactivos.
Preferentemente, as actividades centraranse na zona á que pertence o alumnado que lle corresponde a cada centro.
Para localizar elementos ou lugares de interese, poderase recorrer aos coñecidos polos propios docentes, os estudantes ou as súas familias e veciños, ou ben solicitar información a través da sección de Contacto desta web.
A realización dos roteiros dará ocasión para que o alumnado e/ou os docentes tomen fotografías dos bens patrimoniais, que poderán empregarse despois para ilustrar os elementos sinalados nos mapas interactivos. Así mesmo, entre as posibilidades de desenvolvemento desta actividade está a interacción cos turistas estranxeiros que poidan atoparse -especialmente nos tramos coincidentes co Camiño de Santiago- para informarlles sobre o patrimonio existente e escoitar as súas impresións ou experiencias. Deste xeito, os mozos e mozas terán ocasión de poñer a proba as súas competencias de expresión e comprensión oral de inglés, francés ou portugués.
Como parte desta actividade sería interesante buscar a colaboración da Concellería de Cultura de cada Concello para a limpeza, mantemento e sinalización dos carreiros e os bens patrimoniais, o cal tería tamén un valor educativo para os adolescentes participantes na actividade. Outro elemento ao que prestar especial atención durante as andainas sería o estado de conservación ambiental: os profesores e profesoras terán a oportunidade de sinalar aos estudantes posibles impactos que se atopen no medio natural.
Unha vez identificada e explorada a ruta (nunha ou en varias saídas co profesorado de Educación Física, Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais, Lingua Galega, etc), os centros poderán facela accesible na internet a través dun mapa de Google ou wikiloc integrado no blog do centro ou aula (En caso de necesidade, desde CodeX21 prestarase asistencia para a creación do mapa ou do blog, en caso de non existir esta plataforma, así como para a subida de materiais ao mesmo) ou ben enviar directamente os arquivos . kml ou . kmz a scriptorium@codex21.gal. Ademais do percorrido, os centros deberán indicar detalles como o grao de dificultade, tempo de realización, elementos do patrimonio natural, histórico, arqueolóxico, lendario, etc. Tamén poden incluír outros detalles como o perfil de terreo, etc. Ademais, xunto ao mapa dixital incorporarase unha guía escrita en galego e/ou castelán, e opcionalmente inglés (ou francés ou portugués nos colexios que impartan estas linguas).
Desde CodeX21 tratarase de conseguir a colaboración do Concello para que a ruta poida estar presente tamén na web municipal.
Percorrido de tramos do Camiño de Santiago
Unha variante desta actividade podería ser o percorrido de tramos do Camiño de Santiago que quedasen máis próximos para que os alumnos e alumnas tomasen fotografías dos elementos que máis lles chamasen a atención e logo escribisen sobre eles ou os empregasen para ilustrar unha crónica da excursión.
Materias nas que se pode empregar
Ciencias Sociais / Xeografía e Historia (estudo do patrimonio arqueolóxico ou histórico das rutas), Ciencias da Natureza / Bioloxía e Xeoloxía / Paisaxe e Sostibilidade (aspectos naturais da zona), Educación Física (a andaina como exercicio, establecemento do grao de dificultade, consellos básicos para a práctica do sendeirismo como deporte), Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Inglés, Francés, Portugués (posta por escrito de lendas e/ou descrición dos percorridos en distintos idiomas), Educación Artística / Educación Plástica Visual e Audiovisual (elaboración de mapas, gravación de vídeos ou toma de fotografías para ilustrar as rutas, murais e carteis), Tecnoloxía / Programación (creación de mapa interactivo en plataformas como Google Maps), Matemáticas (cálculo de pendentes sobre mapa topográfico con curvas de nivel), etc.
II. Adaptación á poboación xeral
Calquera persoa ou grupo interesado en incluír as súas rutas na web de CodeX21, pode enviar unha ligazón á súa proposta en Wikiloc, Google Maps ou similar, ou ben enviar os correspondentes arquivos .kml ou .kmz; achegando unha descrición dos bens de interese presentes, nivel de dificultade, tempo de realización, etc.
Para calquera cuestión, prégase escribir a scriptorium@codex21.com
