Terraloba é unha denominación creada no proxecto CodeX21 para aglutinar unha serie de concellos asociados á lenda da traslatio do corpo do Apóstolo e varios relatos populares sobre a Raíña Lupa. Esta área, antigo territorio das tribos dos célticos, os cóporos e os celenos, e cruzada pola antiga Vía Romana XIX, concentra algúns dos castros máis emblemáticos do noso territorio (Barbanza, Neixón…), as ruínas de importantes fortificacións medievais (Catoira, Lanzada, Castelos do Pindo…), algúns dos pazos máis fermosos (Oca) e os hórreos máis grandes de Galicia (Lires). Enmarcada entre os dous Olimpos galegos do Monte Pindo e o Pico Sacro, inclúe a maxestosa ría de Arousa, coa súa miríada de illas e Illotes, a serra do Barbanza, as dunas de Corrubedo, as lagoas de Carregal e de Louro, o Cabo Fisterra, a fervenza do Xallas, as terras altas da Estrada e as Brañas de Laíño, no baixo Ulla. Todas elas son paisaxes profundamente enraizadas na nosa memoria colectiva e fértiles en lendas, co eixo de Compostela como destino de todos os camiños.
Un Mundo narrativo e unha marca turística
Seguindo o modelo do Liber Sancti Iacobi con respecto á tradición Xacobea, CodeX21 presenta Terraloba como a síntese dun conxunto de elementos tomados da tradición oral e escrita que integra nun universo de ficción con elementos dispersos na paisaxe. Como fixese o Códice Calixtino no caso de Santiago, aquí se trata de construír un relato que permita comunicar, dun modo coherente e unitario, a singularidade dunha terra e o seu encanto a escala global. Se o Códice se propoñía prestigiar o Camiño de Santiago e atraer novos peregrinos, Terraloba nace como instrumento para promocionar o noso patrimonio e contribuír a un modelo sustentable para o turismo e a economía rural
A creación dunha marca baseada nun mundo imaxinario no que cada elemento ten a súa correspondencia no plano real, permite construír unha marca única no conxunto de Europa. Como universo narrativo, ademais, pode funcionar de matriz para moitos relatos en distintos soportes (novelas, obras audiovisuais, cómics, videoxogos, podcasts, vlogs…), incluídas experiencias vivenciais como roteiros turísticos, xogos de rol en vivo, representacións ou espectáculos ao aire libre, apps de Realidade Aumentada e todo tipo de contidos multimedia. As súas personaxes e historias poden servir de inspiración para artesáns locais, fabricantes de souvenirs, pequenos produtores ou empresas de lecer e turismo de aventura interesadas en ofrecer actividades con esta temática. Como marca, podería funcionar como franquicia para pequenas empresas rurais interesadas nun modelo de comunicación integral.
Un relato baseado nunha tradición milenaria e unha paisaxe real
Terraloba ten unha enorme vantaxe con respecto a outros escenarios de ficción fantástica: afunde as súas raíces nunha paisaxe real e unha tradición auténtica, e cada un dos seus recunchos e elementos ten unha ancoraxe no plano físico, antigas crónicas ou elementos do folclore. Non se trata dun universo imaxinario composto ao azar ou só superficialmente fundado na tradición oral, senón que é o resultado dunha indagación en antiquísimos mitos universais, os cales teñen ecos insospeitados nos relatos populares das nosas aldeas. O certo é que, tal e como demostraron Propp, Campbell e outros antropólogos nos seus estudos sobre contos doutros lugares do mundo, hai un fío que une á antiga Perséfone grega coas mouras, a Lupa coa deusa Coventina e ao propio Apóstolo Santiago coa figura brillante de Lug, que segue o curso do sol no ceo e vive cada ano o seu destino de morte e renacemento ligado ao paso das estacións. O gran mito da humanidade é o camiño do sol polo ceo, metáfora da “Viaxe do Heroe” que é á súa vez o modelo de todas as historias desde a máis remota antigüidade. E se hai un lugar en Europa onde ten sentido ambientar o último acto da traxedia solar, ese lugar é Galicia, a terra do Finis Terrae e a fin do antigo camiño que desde tempos prehistóricos atravesaba a península de Leste a Oeste. A terra dos Oestrymnios da que falaban mariños romanos e fenicios, o Plus Ultra alén das columnas de Hércules, o último porto antes do Xardín das Hespérides, a neboenta Avalón. Desde tempos moi anteriores á construción do santuario compostelán, Fisterra era o destino final dos peregrinos, que coma a grea do xigante Xerión chegan ao final do seu camiño marcado na Vía Láctea, quizais seguindo o roteiro dos antigos cazadores paleolíticos tras o ronsel dos renos, ou quizais porque nos tempos das cavernas as estrelas eran a alma dos mortos, e a Vía Láctea o seu camiño ao Alén.
Mais en todas as crenzas antigas, o sol, tras o ocaso, igual que a alma dos defuntos, tiña un ciclo escuro: un tránsito de Oeste a Leste baixo o mar e a terra durante a noite para renacer de novo ao alba por oriente. Esta viaxe cara atrás, a cara B do Camiño celeste, atravesaba o mundo dos mortos, é dicir, o mundo dos mouros e outros seres da fantasía popular, os dominios de Lupa. Ela, con outro nome máis antigo, era a señora das sombras e os mortos, pero tamén da fertilidade e o rexurdir da natureza, pois do mesmo xeito que o agrelar da semente, garante a perpetuidade dese ciclo infinito do sol, a alternancia de vida e morte e o xirar da roda anual. Este é o tema de fondo que vertebra Terraloba, unha historia que pode lerse como unha narración fantástica nas súas capas máis superficiais, pero que se fundamenta nun modelo de orixe neolítica no que cobran sentido as mámoas, onde a deusa da terra recibe de novo aos mortos no seu ventre, ou os petróglifos, nos que se plasmou esta mesma historia hai 3000 anos. Esa é a profunda raíz das lendas sobre os mouros que viven baixo os castros, as donas que capturan o espírito dos labregos nas antas, as cidades asolagadas onde cantan os galos ao “sol negro”, e a misteriosa Lupa, dona do chan que debía acoller ao Apóstolo.