
A labor de divulgación irá dirixida en primer lugar ao alumnado e profesorado dos centros de ensino e á poboación da área aquí chamada Terraloba. A medio prazo, o obxectivo e crear materiais divulgativos para os visitantes da zona. Neste sentido, CodeX21 asume a vocación universal do Camiño de Santiago para levar acabo unha tarefa de difusión do noso patrimonio en cinco idiomas: galego, castelán, inglés, francés e portugués. Deste xeito, ás nosas linguas oficiais engándense as que se corresponden coas tres rutas internacionais a Compostela: o Camiño Inglés, o Camiño Francés e o Camiño Portugués.
O patrimonio natural e cultural de Terraloba describirase nunha serie de artigos na sección Código Aberto, dentro dos Apéndices desta web. Este material servirá de base para distintos produtos e servizos, como o libro Terraloba, onde aparecería convertido nunha paisaxe máxica e literaria; ou as charlas impartidas en colexios, institutos e centros culturais. Nestas charlas, destacarase a importancia do Códice Calixtino e o Camiño de Santiago na conexión do noroeste da península e o corazón do continente, pero tamén as súas profundas raíces en antigos mitos que aínda resoan nas lendas desta parte de Galicia.
Ao mesmo tempo, as actividades desenvoltas nos centros de ensino servirán para vehicular varios contidos educativos. O obxectivo último é favorecer a participación do alumnado na xestión do patrimonio material e inmaterial da súa contorna, poñéndoo en contacto directo cos bens naturais e culturais que están no celme do “Camiño das Estrelas”.