O IX Centenario do Inicio do Códice Calixtino e o curioso paralelismo co Xacobeo 2021

O IX Centenario do Inicio do Códice Calixtino e o curioso paralelismo co Xacobeo 2021
Foto: P. Lameiro – Empregada con licencia CC BY-SA 3.0

O Liber Sancti Iacobi, conservado na catedral de Santiago, foi composto entre 1140 e 1160, mais é a copia dun texto anterior que se tería comezado a redactar a inicios da década de 1120, segundo algúns estudosos. A súa creación foi coordinada por Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Compostela, como parte das accións para prestixiar a sé compostelá e darlle un novo pulo ao Camiño de Santiago.

En tempos de Xelmírez, xa había 300 anos que existían as rutas xacobeas. Pero o aspirante a arcebispo arelaba converter a cidade nun centro espiritual de primeira orde en todo o mundo cristián. Conseguiuno grazas aos seus contactos co papa Calixto II, irmán de Raimundo de Borgoña, conde de Galicia en tempos de Xelmírez. Esta estreita relación cos borgoñóns facilitou tamén a chegada a Santiago dun nutrido grupo de monxes da abadía de Cluny, que colaboraron na creación do códice e trouxeron novas ideas á cidade. O papa Calixto II concedeu a categoría de sé apostólica a Santiago no ano 1120, e declarou o 1122 o primeiro Ano Xubilar. Neste contexto, facía falta establecer de xeito definitivo aspectos da liturxia e da tradición xacobea, ata entón inspirada nun amplo grupo de lendas as veces contraditorias entre si. Foi precisamente para marcar estes canons e fixar os aspectos clave do culto a Santiago, para o que Xelmírez encargou aos monxes cluniacienses a creación do Códice Calixtino.

Tendo en conta as datas comentadas, o Xacobeo de 2021 é o máis próximo a unha tripla efeméride: cúmprense aproximadamente 900 anos do inicio dos traballos no códice, 899 dende o primeiro Ano Santo e 901 desde a elevación de Compostela a sé metropolitana. Ademais, hai un interesante paralelismo entre aquel tempo e o presente: se en tempos de Xelmírez o Camiño de Santiago adquiriu unha nova dimensión, probablemente iniciada co ascenso do catoirense ao cargo de administrador da diócese en 1093, no ano 1993 o Xacobeo proxectouse alén do feito relixioso para se transformar nun fenómeno cultural a nivel internacional. Do mesmo xeito que a celebración do primeiro Ano Xubilar en 1122 lle conferiu unha maior transcendencia ás peregrinacións a Santiago; para o 2021 a Xunta decidiu afondar na nova significación do Xacobeo para achegalo á sociedade do século XXI.

Así pois, alí onde o Códice Calixtino orixinal tratou de estandarizar unha tradición dispersa, CodeX21 (salvando as distancias), trata de unificar e dar coherencia a un material lendario disperso e fragmentado, que enriqueza e potencie a experiencia da peregrinación e a prolongue nunha viaxe maís aló de Compostela. Para elo, proponse ir alén do feito relixioso e aquén do episodio histórico do achado do sepulcro, para centrarse nas raíces do Camiño, na terra á que chegan os discípulos do Apóstolo, nese mundo que aparece como o transfondo dunha antiga haxiografía pero que garda un misterioso significado de seu. O obxectivo é profundar nos dominios da raíña Lupa e do rei de Duio, nun espazo ao mesmo tempo mítico e real, pasado e contemporáneo, ao que se deu o nome de Terraloba. Deste xeito, CodeX21 pon o foco no reverso do relato, na enigmática Lupa, quen, se ben cede un terreo aos discípulos do Apóstolo, garda para si, como demostra a súa pervivencia no imaxinario popular, a xurisdición sobre o fantástico.

Comments
Share

Leave a reply