Pódese dicir que o Códice Calixtino ou Liber Sancti Iacobi é a trasposición literaria dos Camiños de Santiago e a propia catedral compostelá. É o libro referencial do Mundo Xacobeo, e desde os seus inicios foi concibido como o que hoxe chamariamos Guía de Marketing ou Libro de Identidade Corporativa da sé apostólica.
Aínda que o seu impulsor foi o arcebispo Xelmírez, tradicionalmente atribuíuse a súa autoría ao Papa Calixto II, de quen toma o seu nome. Interviñeron na súa composición monxes de Cluny chegados de Francia. É, por tanto, produto do lanzamento de Santiago como centro de importancia internacional, cando a alianza entre o Papa Calixto (irmán de Raimundo de Borgoña, Conde de Galicia) e o arcebispo Xelmírez (primeira autoridade compostelá en ostentar este título) levou ao santuario galego a converterse nun dos principais centros espirituais de Occidente.
A obra, distribuída por toda Europa en múltiples copias amanuenses realizadas entre os séculos XII e XV, representa, por tanto, a consagración das rutas xacobeas como elemento central da cultura Europea. Ademais, está directamente vinculado cos movementos de profundo calado político e cultural que seguiron á reforma gregoriana, a cal facilitou a colaboración entre o poder real, a xerarquía eclesiástica e as novas ordes monacales do Císter e Cluny na consolidación do que serían os embrións dos grandes estados europeos.
O tempo da composición, tanto do manuscrito conservado na Catedral de Santiago como dun precedente perdido, estendese de 1120-1160, e coincide por tanto co período final do goberno de Xelmírez e da construción da actual catedral, cuxas obras comezaran a fins do século XII para substituír a vella basílica arrasada por Almanzor. É por tanto un tempo de florecemento do Reino de Galicia, inmediatamente anterior á realización do Pórtico da Gloria (1168-1188), e á eclosión da lírica galego-portuguesa, que comezaría a cultivarse a partir de 1170. Neste mesmo período, Compostela funcionaba como bisagra do Camiño de Santiago e a Ruta da Seda, que a través da Vía da Prata alcanzaba Compostela desde Córdoba. Non hai que esquecer que a peregrinación a Santiago era -polo menos en moitos casos- unha viaxe de ida e volta. Deste xeito, moitas innovacións e mercadorías orientais chegaron ao centro do continente da man dos peregrinos que volvían da súa viaxe á tumba do Apóstolo.

Todo apunta a que a concepción da obra coincide coas datas en que o papa Calixto II concede a Compostela o privilexio polo cal todos os anos nos que o Día de Santiago caese en domingo serían declarados Anos Santos ou Xubilares. Segundo esta disposición, quen visitase a catedral Compostelá nestes anos, recibirían a Indulxencia Plenaria. O primeiro Ano Xubilar foi proclamado en 1022; de modo que durante o Xacobeo 2021 cumpriranse 899 anos deste feito; e aproximadamente 900 desde que comezaron os traballos do que logo sería o Códice Calixtino.
O códice que chegou ata nós é un texto de grande extensión dividido en cinco libros, cunha carta inicial e unha sección de Apéndices ao final. O seu contido está composto por unha colección de textos litúrxicos, composicións musicais, a relación dos milagres atribuídos ao Apóstolo e os relatos do traslado e enterramento do seu corpo en Compostela, así como o seu descubrimento, atribuído no texto a Carlomagno. Tamén inclúe unha guía para os peregrinos, que constitúe un documento especialmente interesante por canto nos permite ter unha visión de aspectos da vida cotiá na Idade Media, e do que supoñía realizar unha viaxe destas características naquela época.
A obra foi escrita en latín, aínda que se conservan traducións parciais, entre elas, unha versión parcial escrita en galego a comezos do s.XV. Como todos os manuscritos desta época, as páxinas están decoradas con miniaturas e letras capitulares que dan colorido ao texto. Crese que na súa redacción participaron moitas mans ao longo dun dilatado período -a pretendida autoría do Papa Calixto II, proclamada no prólogo da obra, está totalmente descartada-, entre elas a do monxe francés Aymeric Picaud, que sería responsable de gran parte dos textos e de algunha composición musical. O historiador Manuel C. Díaz e Díaz apunta que o proxecto involucrou a poetas, músicos, narradores e fabuladores, “así como teólogos de nota e escritores de raras habilidades, representando, polo menos nos seus produtos finais, o máis selecto do mundo cultivado da península, identificada no Reino de León, así como do norte e centro de Francia, sen descoidar outros diversos países”.
Actualmente, consérvanse cinco copias completas do códice e outras sete parciais. A máis antiga e completa, escrita na década de 1160, é a da Catedral de Santiago. O seu novelístico roubo e posterior achado entre os anos 2011 e 2012 levárono á portada dos xornais. Gran parte da poboación tivo entón noticia por primeira vez da existencia desta xoia de valor incalculable. Despois de séculos de esquecemento, nos que o coñecemento do contido do libro non pasou dun reducido grupo de eruditos, é hora de levantar a tapa da súa portada e asomarse aos tesouros que garda o seu interior.