Despois do Libro I, o Libro IV é o segundo máis extenso de toda a obra. Nos seus 28 folios cóntase un relato coñecido como Historia de Turpín ou Crónica de Turpín, aínda que tamén se lle deu o nome de Historia de Carlo Magno e Roldán, para resaltar o protagonismo que nel teñen estes dous personaxes da épica francesa.
O obxectivo desta cuarta parte do manuscrito é conectar o culto a Santiago co corazón de Europa. Para iso convértese á figura máis importante da Idade Media de Occidente, o mismísimo Carlomagno, no responsable da apertura do camiño ata a tumba do Apóstolo a través das terras controladas polos musulmáns. Cóntase que Santiago apareceuse en soños ao emperador carolinxio e solicitou a súa axuda para liberar o seu sepulcro, indicando que o roteiro que debía seguir estaba marcado pola Vía Láctea. A narración está impregnada dos ideais cabaleirescos e a épica da materia de Francia, xénero literario chegado a Galicia precisamente a través do Camiño de Santiago. Carlomagno, Roldán e os Doce Pares de Francia eran, xunto ao Rei Arturo e os Cabaleiros da Táboa Redonda, os máis famosos heroes da Europa medieval, de modo que asocialos ao Camiño de Santiago favorecía a popularidade desta peregrinación. O historiador López Alsina subliñou como nesta historia trátanse de equiparar Compostela e Aquisgrán, capital política do grande imperio europeo da época.
O relato, evidentemente fantasioso, contén varios anacronismos, como a intervención de Turpín, bispo de Reims falecido a fins do s.VIII, nos feitos que rodean a xesta do rei franco. O propio Carlomagno morrera no 814, é dicir, seis anos antes da data máis temperá que dan os autores actuais para o descubrimento do sepulcro. A conexión destes personaxes co Camiño de Santiago tamén se xustifica no feito de que a famosa batalla de Roncesvalles, na que o emperador carolinxio foi derrotado polos vascóns e que serviu de inspiración ao cantar de Roldán, produciuse nun importante tramo do Camiño de Santiago.
Todo fai pensar que foron monxes franceses os autores dunha historia que pronto acadou gran popularidade na Europa medieval, con máis de 250 copias distribuídas por todo o continente. Con todo, as mesmas razóns que impulsaran a súa composición levaron, en 1619, á retirada destes pregos do conxunto conservado en Santiago, pois nesta época de contrarreforma relixiosa e auxe do Imperio Español, a igrexa compostelá, necesitada do apoio da coroa, prefería atribuír o mérito do descubrimento do sepulcro á monarquía astur-leonesa. Non foi ata 1966 en que a Historia de Turpín foi de novo integrada no códice. Aínda así, quizais por estar máis próximo aos intereses centro-europeos que aos hispanos, os principais investigadores do Libro IV seguen sendo franceses e anglo-saxóns, e son menos os estudosos españois interesados en analizalo, a pesar de ser o texto épico vinculado á península con maior difusión fóra das nosas fronteiras.