Libro III do Códice Calixtino

Libro III do Códice Calixtino

O libro III é o máis breve de todo o manuscrito, pois está composto por tan só 6 folios. Aquí se narra a traslatio ou traslado do corpo de Santiago desde Palestina a Galicia, despois da execución deste discípulo de Xesús por orde do rei Herodes. A narración conta as duras probas que tiveron que superar os discípulos do Apóstolo no territorio da antiga Gallaecia, onde pretendían enterrar o corpo do seu mestre. Cóntase que dominaba por entón nestas terras unha malvada muller pagá chamada Lupa, a cal lles tende varias trampas aos portadores do corpo, dos que eles saen airosos grazas á intercesión divina. Ante a evidencia do poder da nova  fé, Lupa dáse finalmente por vencida e cede aos viaxeiros un terreo para dar sepultura ao Santo, nun lugar que sería coñecido como Compostela. A historia incluída no Códice é bastante concisa, e moitos dos detalles asociados a ela proceden doutras fontes.

O obxectivo deste texto era explicar a presenza dos restos de Santiago en Galicia, tendo en conta que a tradición establecía que fora decapitado en Palestina. A narración da traslatio baséase en brevísimas notas anteriores que situaban o sepulcro no occidente peninsular, e a partir de aquí elabora unha explicación de como se produciu o enterramento en Compostela.

Neste volume cítase tamén o costume dos peregrinos de recoller cunchas mariñas nas praias galegas.

Foto: Noel Feans – Empregada con licencia CC BY 2.0
Comments
Share

Leave a reply