O Libro I do Códice Calixtino está composto por un conxunto de textos litúrxicos para os oficios relixiosos en honra do Apóstolo. Inclúe misas, rezos, sermóns, homilías, beizóns, cantos, danzas, etc. Estas pezas posúen un gran valor argumental e son reflexo do enorme dinamismo e riqueza que acadaron as celebracións litúrxicas compostelás, especialmente a de Santiago o Maior e as realizadas para conmemorar a Traslatio. O historiador Manuel C. Díaz e Díaz sostén que os textos foron creados para normativizar un culto que xa alcanzara unha dimensión europea e precisaba da adecuada solemnidade.
Entre os textos deste primeiro libro, son destacables os sermóns, feitos na súa maioría a partir da interpretación de citas bíblicas e textos do cristianismo antigo de autores como Santo Eusebio de Cesarea, San Gregorio, San Xerónimo, Santo Agustín e Beda o Venerable; mais, sen dúbida, a peza máis importante é o famoso Veneranda Dies, que ofrece numerosos datos sobre a peregrinación medieval a Compostela. Este sermón describe o papel do peregrino e os seus símbolos, e é aquí onde se fala por primeira vez da cuncha de vieira como emblema xacobeo. Tamén se sinalan os elementos que debían destacarse no culto a Santiago, todos eles aspectos clave para entender os obxectivos da igrexa compostelá. O Veneranda Dies, constitúe, segundo Díaz e Díaz, o núcleo orientador e programático de toda a obra, e tivo un papel especial na promoción da sede compostelá en Europa, algo que queda patente no famoso parágrafo que enumera os moitos pobos que peregrinan a Compostela, no que se reflicte a enorme ambición con que foi creada esta obra:
“A este lugar veñen xentes bárbaras e civilizadas de todas as partes do mundo: francos, normandos, escoceses, irlandeses, galos, teutóns, iberos, gascóns, bávaros, os impíos navarros, vascos, godos, provenzales, garascos, loreneses, gautos, ingleses, bretóns, de Cornualles, flamencos, frisóns […]”.
Tamén son interesantes no Veneranda Dies as críticas que se fan dos que se consideran inimigos do peregrino: os portazgueros, barqueiros, mesoneros, cambistas, e outras figuras que podían ser un obstáculo ao longo do camiño; un aspecto que apunta á posible autoría de Aymeric Picaud, quen redactou a Guía do Peregrino, o Libro V do códice.
Ademais dos sermóns, o Libro I inclúe dous relatos do martirio do Apóstolo e as misas para as principais celebracións en honra a Santiago, todas elas con notación musical monódica, entre as que se atopan dúas pezas cunha segunda voz engadida Iacobi Sancte e In hac Die Laudes.