En CodeX21, as Polyphones son breves vídeos ou audios gravados con teléfonos móbiles que recollen unha interpretación musical (incluídas formas de expresión contemporánea como rap, lip- dub, flash- mob, etc.). O nome da actividade alude ás  valiosísimas polifonías do Códice Calixtino, entendidas aquí como  unha multiplicidade de “voces” artísticas, e á vez xoga coa alusión aos  smartphones. Non é necesario que a música  sexa unha composición orixinal das persoas participantes, aínda que se recomenda adaptar a letra a algún tema relacionado coas terras da Raíña Lupa e/ou o Camiño de Santiago.

I. Adaptación para centros educativos

Neste caso trátase de canalizar o impulso creativo do alumnado -afeito a utilizar os móbiles para rexistrar as súas propias creacións espontáneas- en proxectos individuais ou colectivos orientados polos docentes, de maneira que se traballen áreas como a Competencia Dixital ou a expresión oral, escrita e artística. Ademais, a realización destes exercicios brinda unha ocasión ao profesorado para explicar a importancia dun uso responsable destes dispositivos e explicar as cautelas que se deben ter ao realizar unha gravación en vídeo.

Materias nas que se pode empregar

Música, Obradoiro de Música, Artes Escénicas e Danza, Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Inglés, Francés, Portugués, Latín, Educación física (actividades de ximnasia rítmica ou similar), Artes Escénicas e Danza, Educación Artística, Educación Plástica e Visual, Tecnoloxía / Programación… e calquera outra materia que poida converter os seus contidos en pezas musicais cantadas.