Navigation Menu

Obxectivos de Galike

Máis aló do desenvolvemento de produtos e servizos destacados nesta web, en Galike plantexámonos unha serie de obxectivos que, se ben transcenden con moito as nosas capacidades como empresa, sérvennos de faro cara ao que dirixir a nosa acción. Deste xeito, todos os nosos produtos ou servizos levan implícitas unha ou varias das seguintes cuestións:

-Contribuírmos a paliar problemas que ameazan a supervivencia da sociedade galega como tal, en particular:

  • O despoboamento do rural e o declive demográfico, consecuencia da falta de oportunidades de desenvolvemento persoal e económico.
  • A infrautilización dos recursos do territorio e o abandono de infraestruturas tradicionais (redes de camiños, casas de pedra, etc.)
  • A falta de coidado do monte, fenómenos coma os incendios e o abandono de parcelas
  • A falta de alternativas de lecer no rural
  • A escaseza de información turística sobre unha gran cantidade de bens
  • A auto-xenreira que a aínda persiste en certas condutas cara á propia contorna natural, a propia lingua, etc.

-Promover, tanto no interior como no exterior do país, unha nova imaxe de Galicia, e para iso:

  • Combatermos tópicos e clichés negativos que aínda impregnan a visión predominante sobre a nosa terra: o mal clima, o illamento xeográfico, o seu irremediable atraso ou a inutilidade da lingua vernácula.
  • Dar a coñecer -sobre todo entre a poboación local- a importancia de numerosos bens materiais e inmateriais, a súa singularidade e o seu potencial como fontes de emprego de calidade.
  • Destacarmos as posibilidades que ten Galicia nun futuro abocado a unha reconversión ecolóxica da economía, grazas ás súas grandes masas forestais (sumidoiros de CO2), á súa rede hidrolóxica, á súa abundancia de fontes de enerxías renovables ou ao seu alto grao de conservación da biodiversidade, moito maior que o doutras rexións europeas máis industrializadas. A iso habería que sumar o potencial do seu abandonado sector primario (Pontevedra, A coruña e Lugo son, por esta orde, o tres provincias co índice de Produtividade Primaria Neta máis alto de España) que inclúe elementos cada vez máis cotizados, como as algas comestíbeis, os cogomelos, as castañas e outros produtos de agricultura ou gandaría ecolóxica, coma o mel, o viño, a lamprea ou o porco celta.

-Colaborar no desenvolvemento de contidos para as industrias creativas e culturais realizados en Galicia e inspirados no noso patrimonio:

  • Logo dun ciclo de desenvolvemento de infraestruturas, a UE, no seu plan 2014-20; aposta pola creación de bens e servizos que tiren o máximo partido desas inversións. Esta necesidade é particularmente aguda en Galicia, onde é evidente a desproporción entre o gran número de continentes (grandes infraestruturas culturais como a Cidade da Cultura; equipamentos do Plan Abalar no ámbito da educación; viveiros de empresas; novas oficinas de turismo en moitos concellos, plans de recuperación de espazos sen un programa de xestión posterior…) e unha relativa escaseza de contidos. Este fenómeno é extensivo a todo tipo de infrestructuras (liñas férreas, estradas, espazos de intercambio comercial…) e recursos (naturais, culturais, académicos…) claramente infrautilizados, debido á falta de plans de desenvolvemento capaces de integralos entre si para propulsar sectores económicos á altura do seu potencial. Entre estes sectores atópanse o das ICC e as TIC, enfocadas precisamente ao turismo, a cultura e a educación.

-Subliñar a pertenza da lingua galega ao ámbito lusófono e promover o intercambio de contidos culturais da nosa comunidade cos países deste espazo:

  • Neste sentido, trátase de destacar a esencial unidade da nosa lingua con outras variedades galego-portuguesas faladas a ambos os dous lados do Atlántico e no afastado Oriente. Este é un feito amplamente apoiado pola maior parte dos lingüístas, e en base ao mesmo trataríase de normalizar o uso do chamado “portugués estándar” como representante internacional do noso idioma, alí onde o modelo da Real Academia Galega poida supor un obstáculo para a comunicación co resto da comunidade lusófona ou dificultar o propio recoñecemento da lingua galega como parte (e de feito, parte fundamental) do mapa da lusofonía.