DESCUBRE

O XADREZ

E O LIBRO

DOS VIQUINGOS

EN GALICIA

Xaque a Jakobusland

Hoxe Galicia é considerada habitualmente unha rexión periférica. Poucos lembran as memorias do vello reino que un día existiu no noroeste, que pasou de ser o primeiro estado desgaxado do Imperio Romano ao celme dos territorios da Iberia cristiá na Alta Idade Media, verdadeira interface cultural entre as dúas potencias hexemónicas da época: a Francia Carolinxia e Al-Ándalus.

De feito, entre os séculos IX e XII confluíron no noroeste peninsular tres fenómenos que xogaron un papel clave na conformación da comunidade de nacións que hoxe integran Europa:

No ano 813, o achado dun misterioso enterramento do período romano deu aos reis de Oviedo a posibilidade de crearen unha capital espiritual capaz de afirmar a súa autoridade e proxectar a súa influencia alén dos Pireneos. Dende un clareiro do bosque de Libredón, expandíronse por terra unha morea de camiños que acadaron todos os recunchos do continente como as raíces dunha grande árbore.

A mediados desa centuria, medraron no mar setentrional e nos ríos ás súas beiras as rutas dos normandos, que seguindo milenarios camiños oceánicos non tardaron en pecharse como unha terrible garra en torno a Compostela, o famoso corazón de Jakobusland.

No século seguinte, chegou dende o sur un legado inmaterial, repicando no aire en forma de palabras que saltaron de boca en boca e de lingua en lingua dende a afastada India ata a esplendorosa Córdoba: un conxunto de regras capaces de reducir a guerra a un xogo sobre un taboleiro de sesenta e catro casiñas bicolores.

Non moitos saben que dous dos máis antigos conxuntos de trebellos de xadrez coñecidos en occidente atópanse precisamente no Bierzo e en Celanova, este último atribuído a San Rosendo, bispo de Santiago que defendeu a nosa terra dos viquingos. É mesmo posible que os nórdicos entrasen por primeira vez en contacto con este xogo en terras galegas.

As invasións dos piratas do norte remataron no século XI, pouco antes de dar comezo as obras da nova catedral compostelá. No 1188, o mestre Mateo culminaba o Pórtico da Gloria. Con elo quedaba inaugurada a idade dourada do Reino de Galicia, alimentada polo novo zume cultural traído por canteiros, comerciantes e peregrinos. Nesa mesma época, dous vellos condados nacidos do antigo tronco galaico convertéronse nos reinos de Castela e Portugal, que ao fin da Idade Media ían dar lugar ás dúas novas potencias hexemónicas, e que deixarían o que quedaba da vella Gallaecia acantoada entre o mar e as montañas, onde durante longos séculos escuros iría esmorecendo a súa lembranza. Moito antes chegou o solpor da Era Viquinga, cando o cristianismo acadou finalmente as terras do norte. Pouco despois, nun duro inverno noruegués do século XII, un grupo de artesáns normandos tallou en marfil de morsa unha colección de figuras cuxo ollar petrificado parece atesourar a imaxe dos vellos deuses. Eran trebellos de xadrez.

Finalmente, no século XIII, o islandés Snorri Sturluson puxo por escrito a memoria dos viquingos, ao tempo que florecía en Galicia a lírica galego-portuguesa e o rei Afonso X ditaba en Toledo o primeiro tratado de xadrez en lingua romance.

E así foi como transcorreron, trenzadas como os fíos das nornas e o cabelo das valquirias, as historias do xadrez, de Escandinavia e de Galicia; xunto con todas as influencias culturais que naqueles séculos arribaron á nosa terra, pois é sabido que na historia, igual que no xadrez, todas as pezas están interrelacionadas.

Xaque a Jakobusland é un proxecto que pretende facer un recorrido lúdico por un conxunto de temas que abranguen dende a arte prerrománica ata as pedras pintadas de Gotland, dende os segredos das runas á historia dun xogo milenario, dende a mitoloxía nórdica ás lendas xacobeas; pasando por apuntes sobre unha aventura de descuberta na que se puxeron en relación datos da onomástica, numismática, eventos históricos e fenómenos da xeografía física. O espazo é un taboleiro de xadrez co perfil sobreimpreso do mapa de Galicia. O tempo, a narración contida nun libro que segue paso a paso a crónica dun proceso creativo, no que se explica o por que de cada peza en base aos devanditos enfoques temáticos.

Con elo búscase rescatar do esquecemento unha época apaixonante da historia da Galicia, inzada de lendas e relatos á altura das mellores series ou filmes de ambientación medieval. E faise sobre o soporte dun xogo transcultural como ningún outro, que representa en cada movemento a importancia das decisións que marcan a sorte dos pobos e o devir da súa historia.

Xadrez temático “Xaque a Jakobusland”

Xaque a Jakobusland é un xogo de xadrez temático sobre as incursións viquingas en Galicia dos séculos IX a XI. As pezas brancas correspóndense con distintos personaxes da Galicia medieval e do ciclo xacobeo e as pezas negras representan aos normandos e a figuras da súa mitoloxía. Os trebellos do xogo están troquelados sobre cartón e se inspiran en moedas medievais de distintas formas. Na “cara” aparecen as ilustracións dos distintos personaxes nun estilo que imita o das miniaturas dos códices iluminados, e na “cruz” inclúese unha icona máis convencional da peza de xadrez que representa. Cada unha das fichas “negras” leva marcado un dos 16 signos do alfabeto rúnico viquingo. O taboleiro está feito dun material sintético que imita pergameo, no que por diante está impreso o espazo de xogo co perfil do mapa de Galicia superposto e unha breve explicación dos personaxes ás marxes; e polo reverso, aparece un amplo infográfico composto dun mapa da expansión normanda por Europa e o Atlántico norte, cinco mapas das distintas vagas de invasións sobre Galicia, unha cronoloxía da Idade Viquinga e unha breve explicación dos principais tipos de barcos e tácticas de guerra. Este soporte está pensado para ser enrolado e pechado cunha cinta a modo de diploma medieval, cinta da que se pode pendurar a bolsiña de tea de saco para as fichas. A modo de broche, inclúese unha chapa cun deseño a elixir entre reproducións de escudos viquingos ou imaxes dos personaxes do xogo.

Compoñentes:

  • Lona flexible de alta calidade, enrolable e impermeable, impresa polas dúas caras a toda cor.
  • 36 fichas de cartón de alta densidade de 2 mm de grosor e de entre 25 e 32 mm de diámetro, estampadas a dúas caras a toda cor. As 18 fichas normandas están marcadas cos diferentes signos do Futhark Novo, de xeito que poden ser empregadas nos xogos de runas.
  • 18 fichiñas de cartón de 10 mm de diámetro, impresas a dúas caras a toda cor.
  • Unha bolsiña de tea de saco para gardar as fichas.
  • Unha cinta de peche.

Libro “Xaque a Jakobusland – como se fixo o xadrez dos viquingos en Galicia”

Libro que explica o proceso de creación do xogo de xadrez temático Xaque a Jakobusland, no que se fai un repaso pola historia da Galicia da Idade Media, a historia dos viquingos, a mitoloxía nórdica, a tradición xacobea e a historia do xadrez para xustificar a selección dos distintos personaxes representados nas fichas. Tamén se explica o proceso de elaboración dos deseños e as referencias empregadas, aportando información sobre a arte medieval e reflexionando sobre as súas conexións con formas de expresión contemporáneas como o cubismo, o expresionismo e a banda deseñada. Ademais, inclúense unha serie de artigos de aprofundamento sobre distintos temas, entre eles unha explicación sobre as que quizais sexan as coleccións de pezas de xadrez máis antigas de Europa occidental, conservadas en Galicia e no Bierzo. Entre moitas ilustracións orixinais, o libro incorpora unha serie de mapas detallados sobre a expansión dos viquingos por Europa e as súas incursións no noroeste peninsular, así como unha fiel reprodución da fortaleza de Oeste, tal e como debeu ser a fins da Idade Viquinga. Como extra, inclúese unha dobre páxina cunha explicación das runas do Futhark Novo, xunto a unha tradución ao galego dos versos do Hávamál, que pode axudar a converter as fichas normandas do xadrez nun xogo de runas.

Libro:

  • Libro en formato A5 horizontal (148 x 210 mm) con 330 páxinas a toda cor
  • 245 ilustracións orixinais sobre o proceso de creación dos debuxos das pezas do xogo, entre elas unha reconstrución da fortaleza de Oeste
  • 3 fotografías a dobre páxina de alta calidade de paisaxes de Galicia e Escandinavia
  • 46 fotografías a páxina completa
  • 127 fotografías a menor tamaño ou recortadas, con representación de distintos obxectos relacionados coa historia do xadrez, a historia, a arquitectura e a artesanía dos viquingos e outros pobos da Idade Media.
  • 16 reproducións a toda páxina de pinturas, tapices e gravados de época medieval e contemporánea.
  • 55 reproducións a menor tamaño de obras pictóricas, tapices e gravados.
  • 10 mapas explicativos das invasións viquingas ao noroeste da península ibérica e da expansión polo Atlántico Norte e polo occidente e oriente de Europa e o Mediterráneo.
  • Dobre páxina con explicación do alfabeto rúnico empregado polos viquingos, que pode servir de guía para o emprego das fichas marcadas con runas do xogo do xadrez.

Puntos de Venda

Libraría Couceiro (Compostela)

Praza de Cervantes, 6

981 58 62 37

Libraría Couceiro

Praza de Cervantes, 6, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña

981 58 62 37

Libraría Andel (Vigo)

986 23 90 00

Libraría Andel

Av das Camelias, 102, 36211 Vigo, Pontevedra

Tfno: 986 23 90 00

Libraría Libraida (Gondomar)

986 38 91 99

Libraría Libraida

Av das Camelias, 102, 36211 Vigo, Pontevedra

Tfno: 986 23 90 00