A FURORE

NORMANNORUM

LIBERA NOS

DOMINE

Descubre Xaque a Jakobusland, o xogo de xadrez temático e o libro das invasións viquingos a Galicia!

Que é Iagosland?

Iagosland é a galeguización da verba norrena Jakobusland, o nome que daban os viquingos a Galicia. Trátase dunha marca centrada no deseño e desenvolvemento de proxectos creativos e culturais relacionados coa temática do paso dos normandos pola nosa terra.

Esta mestizaxe funciona a dous niveis: na creación de narrativas e na concepción estética dos produtos.

Unha marca inspirada en Jakobusland, a Galicia das sagas nórdicas

Como produtora de contidos narrativos, Iagosland traballa a dous niveis: dunha banda, céntrase no estudo e na divulgación dos relatos que teñen chegado ata nós sobre as incursións dos lordemans en Galicia (tratando sempre de distinguir os feitos históricos das lendas, máis sen rexeitar estas últimas como parte substancial da tradición) e doutra na elaboración de contidos lúdicos e de entretemento inspirados neses relatos. Neste sentido, o obxectivo é ofrecer unha visión épica e evocadora da nosa paisaxe que aporte unha nova emoción a elementos patrimoniais, trazando unha liña que vai dos fiordes sucados polos drekar ás rías onde dormen as nosas dornas, dos escuros bosques boreais ás nosas sombrizas carballeiras, das vellas sagas aos contos en torno ás lareiras…

Unha produtora de contidos narrativos e documentais

Ademais dese enfoque temático, Iagosland trata de pór en primeiro plano o deseño visual dos seus produtos. Neste eido, o obxectivo é ensaiar unha mestizaxe no tempo e no espazo entre tradición e modernidade, deseño escandinavo e novas tendencias autóctonas. Así, trátase de atopar o punto de fusión entre as imaxes dos vellos códices miniados e o moderno grafismo da banda deseñada, entre o minimalismo da arquitectura escandinava e a austeridade dos nosos edificios medievais, entre o estilo case cubista das tallas nórdicas e o expresionismo pétreo das esculturas románicas e prerrománicas…

Un laboratorio de deseño

Pártese do convencemento de que este apaixonante imaxinario, unido ás novas formas de creación, comunicación e entretemento que abren os novos medios, pode contribuír non só á divulgación do noso patrimonio, senón á activación económica do mesmo dentro dunha lóxica de sostibilidade social e ecolóxica do noso mundo rural.

Un dobre foco: desenvolvemento e sostibilidade

Por que Iagosland?

Hoxe en día, o tema dos piratas normandos volve estar de actualidade, en gran medida grazas a series como Vikings. Poucos saben, no entanto, que Bjorn Costado de Ferro -fillo do protagonista da serie, Ragnar Lodbrok- pisou as praias galegas. O certo é que Jakobusland foi un territorio cobizado polos homes do norte, que puxeron proa ás nosas costas atraídos polas lendas que falaban da riqueza do santuario do apóstolo. Crese que mesmo planearon a fundación no noroeste peninsular dunha segunda Normandía que servise como un posto avanzado para as súas incursións contra Al-Ándalus e os países do Mediterráneo. Malia que as pegadas dos lordemáns foron varridas por séculos de mareas, nas serras costeiras aínda quedan torres nas que fachos ardentes alertaban da aparición ao lonxe das serpes do mar, e recintos defensivos a onde acudían a se refuxiaren as atemorizadas testemuñas da súa chegada. A estas construcións hai que sumar outras tan senlleiras como as torres de Oeste, que gardaban como pétreos sentinelas a foz do Ulla; os restos da fortaleza da Lanzada, na boca da ría de Arousa; as pedras dos castelos de San Xurxo e Canedo, espalladas nas cristas do monte Pindo; ou o posible conxunto de mouta e porto normando atopado en datas recentes baixo as areas de Os Moutillós, no Vicedo, que constituiría a única estrutura deste tipo da que se ten noticia fóra das illas británicas. O propio emprazamento da sé episcopal en Compostela e a localización elevada da actual cidade de Tui, son consecuencia dos continuos ataques que asolaron as costas de Galicia.
Máis aló dos restos materiais, o rastro dos viquingos en Galicia aparece tamén na tradición oral: en lendas como a do bispo de Bretoña, cuxas pregarias desataron unha tempestade que se abateu sobre a frota normanda, ou a que narra a maldición que o bispo San Rosendo lanzou sobre o seu rival Sisnando II, augurándolle unha morte “a ferro” que tivo lugar anos despois cando o bispo Sisnando trataba de conter as hordas de Gunderedo. Eran os tempos dourados en que o vello Reino de Galicia -berce de reis e raíñas coroados en Santiago e asentados en León- florecía co influxo dos moitos camiños que desembocaban en Compostela. O seu apoxeo chegaría xusto ao final desta etapa, cando Xelmírez armou a primeira frota cristiá da península para protexer o puxante comercio atlántico e o mestre Mateo rematou o Pórtico da Gloria. Mil anos despois, atopámonos ante novos retos que teñen que ver coa necesidade de desenvolvermos un novo modelo produtivo que poida aportar un maior valor engadido e facer un uso sostible dos nosos recursos. No caso de Galicia, enfrontámonos ademais á urxencia de crearmos novas oportunidades de emprego no mundo rural capaces de reverter o declive demográfico da nosa comunidade e xerar focos de atracción de novos talentos.
Por todo o anterior, o deseño e a creación de experiencias únicas baseadas na posta en valor dos nosos bens paisaxísticos e culturais xurde como unha potente alternativa nun mundo cada vez máis atenazado pola competencia dos mercados emerxentes e a homologación global. Iagosland fúndase sobre a certeza de que o noso maior capital é a nosa historia, xunto á nosa cultura e á contorna natural que lle ten servido de soporte. Estes ingredientes, sumados ás posibilidades que abren as TIC, permiten crear un cóctel único que só pode saborearse in situ, onde están as súas fontes. En última instancia, porén, este proxecto nace do soño romántico de remontar nunha nave estreita e silandeira o maxestoso esteiro de Arousa ou as mansas augas do Miño. Semella un modo magnífico de viaxar a un período apaixonante do pasado na busca dunha herdanza case esquecida que aínda resoa na fronte de pedra das lareiras. Non cabe dúbida de que Galicia, a Terra de Iacobus, o País dos Mil Ríos… é na verdade un territorio inzado de tesouros que ben valen unha difícil travesía.

Produtos e servizos

Quen é Iagosland

Pablo Culebras

Pablo Culebras

Creador de proxectos multimedia e deseñador gráfico

Tras licenciarse en Comunicación Audiovisual pola Universidad Complutense de Madrid e a Università degli Studi dei Bologna, comezou a súa carreira como ilustrador, animador e creador de contidos en Milán. En 2010 volveu a Galicia, onde comezou a interesarse polas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías no ámbito do turismo, a educación e o entretemento.

Desde sempre foi afeccionado ao estudo da historia, a natureza e o folklore da súa terra; materias que emprega como fonte de inspiración para a súa outra gran paixón: a creación de historias, contidos interactivos e mundos imaxinarios a través de distintos soportes.

Contacto

 

11 + 4 =